Standard and Poor´s mellora a perspectiva de ABANCA e sitúaa en positiva
- A axencia de cualificación resalta a mellora da capacidade de xeración de ingresos do banco e o fortalecemento da súa capitalización
A axencia de cualificación Standard and Poor´s Global Ratings mellorou de estable a positiva a perspectiva do rating emisor a longo prazo de ABANCA. Tras esta decisión, a cualificación crediticia da entidade mantense no grao de investimento ‘BBB-’, agora con perspectiva positiva.
Na súa revisión, Standard and Poor´s apoia a estratexia de ABANCA e resalta, particularmente, o aumento da súa capacidade de xeración de ingresos e o fortalecemento da capitalización do banco. A axencia pon o acento no avance experimentado pola entidade no último exercicio en termos de rendibilidade e eficiencia, así como na recorrencia dos resultados.
Horizonte favorable
Por outra banda, Standard and Poor´s apunta que a mellora da perspectiva pode transformarse en subida de rating se se produce unha mellora efectiva da cualificación do risco da industria en España (agora con perspectiva positiva) e ABANCA continúa mellorando as súas métricas. De igual xeito, a axencia sinala que tamén podería elevar o rating da entidade ante incrementos adicionais da súa capitalización.
ABANCA conta desde abril de 2022 con grao de investimento nos ratings das catro axencias que a cualifican: Standard and Poor´s, Moody´s, Fitch e DBRS.