Último fin de semana para visitar a exposición ‘Bajo el signo de Picasso’ no Museo de León
- A selección de obras da Colección ABANCA clausúrase este domingo con gran éxito de público tras recibir 22.400 visitantes dende a súa inauguración.
- É a primeira proposta expositiva organizada por ABANCA na cidade no marco do acordo firmado coa Junta de Castilla y León e o Ayuntamiento.
A exposición ‘Bajo el signo de Picasso. Vanguardias e influencias en la Colección ABANCA’ clausúrase este domingo no Museo de León tras dous meses aberta ao público nos que atraeu a 22.400 persoas, unha cifra que confirma a gran acollida que tivo a proposta entre a cidadanía e entre a crítica dende a súa inauguración o 15 de setembro.
Todos os interesados que aínda non puideron gozar desta selección de obras dos fondos artísticos do banco teñen unha última oportunidade para facelo ata o domingo no horario habitual do museo, o sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas e o domingo de 10.00 a 14.00 horas.
Para reforzar a vocación didáctica deste proxecto expositivo, o banco e o servizo didáctico do Museo de León desenvolveron de forma paralela á exposición un completo programa de actividades dirixidas especificamente a escolares. En total, 2.575 estudantes de 28 centros educativos da provincia tiveron ocasión de acercarse ás vangardas artísticas a través das 38 obras escollidas para a mostra, todas elas creacións de grandes artistas de relevancia internacional presentes na Colección ABANCA, como Picasso, Braque, Juan Gris, Salvador Dalí ou Vassily Kandinsky.
Ademais, 26 colectivos de referencia o ámbito económico, social, cultural e deportivo da cidade, como o ABANCA Ademar, a Universidad de la Experiencia, a CEL ou Asprona, puideron realizar visitas guiadas á mostra que contribuíron ao obxectivo marcado polo banco de achegar o seu patrimonio artístico a todos aqueles interesados en coñecelo e gozalo.
‘Bajo el signo de Picasso’ é a primeira proposta cultural de ABANCA na cidade dentro do convenio de colaboración firmado coa Junta de Castilla y León e o Ayuntamiento no mes de xullo que traerá á capital leonesa varias mostras dos fondos artísticos do banco durante os próximos tres anos.
É a primeira vez que o banco presenta fóra de Galicia a súa Colección de Arte nunha exposición desta amplitude e escolleu León para facelo pola relevancia que ten este territorio para o banco. O acordo subscrito e accións como esta mostra contribúen a estreitar lazos coa sociedade e as institucións leonesas e confirman o compromiso e a implicación da entidade financeira con toda a provincia.
A Colección ABANCA reúne máis de 1.300 obras de máis de 200 artistas de máximo nivel que ofrecen un amplo abanico de posibilidades para deseñar propostas expositivas de gran calidade e temática variada, sempre ca arte moderna e contemporánea como eixo vertebrador.