Unha trintena de voluntarios de ABANCA constrúen refuxios de fauna na contorna do Monte Pedroso
- A actividade forma parte das accións organizadas polo banco e a súa obra social co obxectivo de mellorar o patrimonio natural galego
- A xornada estivo enmarcada dentro da Semana Internacional do Voluntariado Corporativo, Give&Gain, que organiza Forética
O pasado sábado o equipo de voluntariado da Obra Social de ABANCA desenvolveu unha nova acción de coidado do patrimonio natural na Granxa do Xesto e no Parque Forestal Selva Negra (Santiago). Case trinta voluntarios traballaron nun taller de elaboración e colocación de refuxios de fauna e, posteriormente, participaron nunha mesa de biodiversidade co fin poñer en valor a riqueza natural que atesoura a contorna do Monte Pedroso.
Nesta expedición, os voluntarios estiveron novamente acompañados polos expertos do Grupo Naturalista Hábitat, que asesoraron a nenos e maiores sobre a fabricación destes refuxios. A actividade tamén contou coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, e estivo enmarcada dentro da Semana Internacional do Voluntariado Corporativo, Give&Gain, que organiza Forética.
Novas Actividades
Esta actividade forma parte do proxecto ‘Traballando pola mellora do patrimonio natural’ do banco e a súa obra social, que inclúe distintas actividades para a posta en valor e conservación do medio natural. Así, nas próximas semanas, os voluntarios continuarán o seu labor con novas accións en puntos de especial interese ambiental como as Fragas do Eume, a contorna da Torre de Hércules ou as Illas de Cíes e Ons.