ABANCA completa a instalación de 20 caixeiros rurais e continúa co plan de formación en Vilarmaior, Rairiz de Veiga e Porqueira
ABANCA completará o venres, día 6 de maio, a instalación e posta en servizo dun novo caixeiro automático no municipio de Aranga (A Coruña). A nova infraestrutura forma parte do plan iniciado en marzo, en colaboración coa Xunta de GaliciaSerás redirixido a outro sitio web, para mellorar a cobertura financeira do rural galego, que contempla a colocación de 36 dispositivos en total.
Coa instalación do caixeiro de Aranga, o banco terá posto en funcionamento 20 novas infraestruturas que facilitan o acceso aos servizos financeiros da poboación de contornas rurais. Os novos dispositivos están situados nos municipios ourensáns da Arnoia, Chandrexa de Queixa, A Teixeira, San Xoán de Río, Os Blancos, Baltar, Larouco, Petín, Rairiz de Veiga e Porqueira; os coruñeses de Toques, Lousame, Dodro, Vilasantar, Dumbría, Santiso, Vilarmaior e Aranga, e os lucenses do Páramo e Ribeira de Piquín.
A posta en servizo dos 16 caixeiros restantes producirase ao longo das próximas semanas. Está previsto que o proceso finalice no primeiro semestre do ano.
Novas sesións formativas
De forma paralela, ABANCA continúa co plan de formación e capacitación vinculado á posta en servizo destes novos caixeiros automáticos. Esta semana realizaranse tres novas sesións formativas en Vilarmaior (A Coruña), Rairiz de Veiga e Porqueira (Ourense), que se suman ás sete que se realizaron ata o momento nos concellos do Páramo (Lugo), Lousame, Vilasantar, Dumbría, Santiso (A Coruña), Chandrexa de Queixa e A Teixeira (Ourense).
A formación en Vilarmaior será o martes, día 3 de maio, ás 11.00 horas; en Rairiz de Veiga celebrarase o mércores, día 4 de maio, ás 10.00 horas, e en Porqueira está prevista para o xoves, día 5 de maio, ás 10.00 horas. Nos tres casos as sesións desenvolveranse no Salón de Plenos do Concello.
Durante estas sesións formativas ensinarase aos asistentes como funciona o caixeiro e cales son as operacións máis habituais que se poden realizar, incluíndo unha demostración práctica sempre que sexa posible. Tamén se ofrecerán consellos básicos de seguridade e resolveranse as dúbidas que poidan ter os asistentes. Así mesmo, facilitaráselles un manual sinxelo que recolle toda a información para que poidan tela a man e consultala en calquera momento.
O obxectivo deste plan de formación e capacitación que acompaña a colocación e posta en servizo dos novos caixeiros é ofrecer a formación necesaria ás persoas que van utilizar estes dispositivos, moitas delas maiores de 65 anos e pouco dixitalizadas, para que poidan realizar as súas xestións con confianza e todas as garantías de seguridade.
As persoas que participaron ata o momento valoraron moi positivamente a acción, tanto o contido como o material entregado.