ABANCA e Ferquiastur renovan a súa colaboración para ofrecer financiamento adicional aos transportistas
- O banco deseña unha oferta financeira adaptada ás necesidades dos transportistas, con numerosas opcións de crédito, produtos propios e convenios con diversos organismos públicos
- Os profesionais de Ferquiastur terán a posibilidade de fraccionar o pago dos seguros de camións mediados por ABANCA
ABANCA e a empresa de transportes Ferquiastur, S. L. asinaron un novo acordo financeiro co obxectivo de facilitar o acceso a produtos de financiamento aos profesionais desta compañía asturiana.
O xerente de Ferquiastur S. L., Roberto Salgado Pendas, e o director territorial de ABANCA en Asturias e León, Marcos Lamas Seoane, rubricaron hoxe na oficina da entidade financeira en Avilés un acordo que dá resposta ás necesidades dos transportistas e pon o foco especialmente en fórmulas áxiles de financiamento.
Con este novo acordo os profesionais de Ferquiastur terán a posibilidade de acceder a produtos e servizos habituais do banco como préstamos persoais ou pólizas de crédito con xuros moi atractivos. Produtos idóneos para facer fronte ás tensións de tesourería que se poden producir no desempeño da actividade económica dos transportistas.
A oferta de ABANCA tamén se completa con solucións de leasing para financiar novos transportes. Ademais, os profesionais de Ferquiastur poderán gozar de financiamento sen xuros para fraccionar as primas de seguros de camións mediados pola entidade financeira. O convenio pon igualmente a disposición destes profesionais liñas de avais e liñas de financiamento oficial grazas aos acordos que ABANCA mantén con diversos organismos públicos coma o ICO.
Así mesmo, o acordo inclúe outros servizos e produtos específicos da entidade, entre os que destacan APRAZOS, o servizo de financiamento no punto de venda de ABANCA, e toda a súa oferta de seguros e banca a distancia.
Grazas a esta alianza, os transportistas tamén poderán acceder ao Programa Cero Comisións do banco, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
Ferquiastur, S. L. é unha empresa de transportes por estrada cunha longa experiencia no sector e que está especializada no traslado de mercadorías perigosas en cisternas e todo tipo de produtos químicos. ABANCA, pola súa banda, é a entidade financeira de referencia no noroeste español, cunha rede de case 700 oficinas e unha clara orientación cara o tecido empresarial.