ABANCA obtén un BAI de 111 millóns, cun crecemento do 18% da marxe comercial recorrente
- A rendibilidade sitúase no 8,4%
- A marxe comercial recorrente continúa mellorando de maneira sostida a pesar da caída do Euribor
- Concédese novo financiamento por 2.812 millóns de euros, cun tipo de interese superior ao da carteira antiga
- A produción de seguros increméntase un 32% impulsada pola creación de produtos innovadores
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo no primeiro trimestre de 2016 un beneficio antes de impostos de 111 millóns de euros, o que sitúa a súa rendibilidade no 8,4%. Esta cifra baséase na melloría do resultado recorrente con clientes, que crece un 13,8% impulsado pola positiva evolución da marxe comercial e a fortaleza dos ingresos por prestación de servizos, en especial os correspondentes á comercialización de seguros, fondos e plans. O beneficio neto alcanzou os 77 millóns.
A entidade focalizouse en compensar a redución do Euribor cunha xestión rendible do seu novo negocio. A nova produción de crédito concédese a un tipo superior ao da carteira antiga, de maneira que a marxe comercial recorrente avanza un 18% interanual.
Ao mesmo tempo, continúa mellorando a calidade da súa carteira crediticia, que presenta niveis de redución de morosidade e cobertura mellores que a media do mercado financeiro español.
Incremento da actividade con empresas e familias
ABANCA rexistrou taxas positivas na evolución das principais magnitudes do seu negocio. Co crédito a empresas e familias como principal prioridade, ABANCA seguiu incrementando de maneira moi importante o seu volume financiado, que no primeiros tres meses do ano alcanzou os 2.812 millóns de euros, un 56% máis que en marzo de 2015.
O crédito a clientes en situación normal situouse en 25.090 millóns de euros, o que supón un incremento de 1.408 millóns de euros, un 5,9% máis en termos interanuais.
Os depósitos de clientes minoristas situáronse en 29.205 millóns de euros. Os saldos á vista, que creceron un 17%, presentaron un comportamento especialmente positivo.
Estas cifras proporcionan a ABANCA unhas cotas de mercado en Galicia do 41% en depósitos e do 31% en crédito. No resto de España, ámbito no que a entidade estase posicionado en emprazamentos selectivos, ABANCA gañou no trimestre 4 puntos básicos na súa cota de crédito.
Crecemento da marxe comercial recorrente
O volume e mix das novas formalizacións do primeiro trimestre exerceron un efecto positivo sobre a marxe comercial. A nova produción presentou un diferencial de prezos 58 puntos básicos por encima de media da carteira. En importe esta marxe creceu un 17,7% até situarse en 96 millóns de euros.
A pesar do alto ritmo da actividade comercial, os gastos de explotación da entidade reducíronse nun 3,8%, con caídas tanto dos gastos de persoal como dos de administración.
Diversificación das fontes de rendibilidade
ABANCA seguiu avanzando na estratexia de optimización das súas palancas de rendibilidade a través do impulso á comercialización de produtos de valor engadido.
Por unha banda, os recursos xestionados fóra de balance (fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro) creceron un 10,8%, ata situarse en 4.301 millóns de euros. Destaca o bo comportamento da comercialización de fondos de investimento, cuxos ingresos creceron un 20%.
Doutra banda, as vendas de seguros de vida e xenerais incrementáronse nun 32%. No mercado nacional ABANCA conta cunha cota do 2,02% e é, tras escalar cinco chanzos desde decembro de 2015, a 7ª entidade bancoaseguradora no segmento de vida.
O crecemento das vendas de produtos de valor, dentro da estratexia de comisións baseada nos seus clientes vinculados, permitiu que as comisións netas crezan un 5,2% interanual.
Mellora da calidade da carteira, solvencia e liquidez
A taxa de morosidade continuou o seu descenso, quedando situada no 8,24%, cun 25% menos de saldos morosos que en marzo de 2015. Esta redución é superior á experimentada polo conxunto do sector.
Os niveis de cobertura do risco de ABANCA sitúanse entre os máis elevados das entidades españolas: a cobertura de créditos morosos é do 60,8%, mentres que a de activos adxudicados, cuxo peso se mantén no 1% do balance, sitúase no 56%.
En materia de solvencia, ABANCA incrementou en 5 puntos básicos o seu ratio de capital no primeiro trimestre. Deste xeito, mantense como unha das entidades máis capitalizadas de España, cun ratio do 14,8%.
Este ratio de capital proporciónalle unha folgura de 1.259 millóns en relación cos requirimentos do Banco Central Europeo.
ABANCA dispón de 11.325 millóns en activos líquidos e capacidade de emisión. A entidade cumpre folgadamente os requisitos de liquidez a curto e longo prazo fixados para 2018 polo BCE. O seu ratio de liquidez inmediata LCR é do 312%, fronte a un requirimento do 100% para 2018.
A sustentabilidade futura da entidade vese reforzada ademais polo ratio crédito/depósitos minoristas, situado no 91%: a entidade financia o crédito que concede coa súa captación de depósitos, en detrimento de outras fontes de financiamento.
Lanzamento de produtos innovadores
Nos últimos meses ABANCA mostrouse especialmente activa no lanzamento de produtos no segmento de seguros (con produtos como a Tarifa Plana), en medios de pago (coa creación da tarxeta Visa Proxecta, unha das máis competitivas e flexibles do mercado) e no campo dos servizos baseados en tecnoloxía móbil.
Neste último terreo, ABANCA lanzou ABANCA Pay, aplicación que permite realizar pagos inmediatos desde o móbil de forma gratuíta a calquera usuario, e foi unha do catro primeiras entidades financeiras europeas en ofrecer aos seus clientes o pago polo móbil a través do servizo de Samsung Pay.
Todos estes produtos foron deseñados baixo o tres premisas que ABANCA aplica na creación dos seus produtos e servizos financeiros: sinxeleza, innovación e valor para o cliente.
Mellora da satisfacción do cliente
Os resultados obtidos por ABANCA nos estudos realizados mostran unha mellora constante dos índices de satisfacción do cliente tanto no que respecta a imaxe xeral e experiencia en oficinas como a aceptación de produtos específicos. ABANCA é a cuarta entidade española con maior índice de recomendación segundo o informe independente Índice de Medición de Experiencia do cliente de Xperience by Lukkap. Os índices netos de prescrición e satisfacción do cliente relativos á actividade das oficinas creceron 11 e 4 puntos respectivamente nos últimos doce meses. No ámbito dos produtos, a Tarifa Plana de ABANCA Seguros mostra un nivel de recomendación de nove de cada dez clientes.