ABANCA pecha a súa emisión inaugural de cédulas hipotecarias por importe de 750 millóns de euros
- A emisión foi sobresubscrita en tres horas, cun cupón do 0,75% e unha rendibilidade 10 puntos por debaixo da referencia do Tesoro
- A excelente colocación da emisión demostra a boa acollida de ABANCA en mercados
ABANCA lanzou hoxe a súa primeira emisión de cédulas hipotecarias, na que captou un importe de 750 millóns de euros (250 millóns por encima dunha emisión benchmark). A operación pechouse cun cupón de 0,75%. A rendibilidade situose aproximadamente 10 p.b. por debaixo do nivel actual do Tesoro español.
O prazo de 10 anos, o doble do habitual para este tipo de instrumentos, indica a confianza do mercado en ABANCA, tal como refrenda a excelente acollida da operación. A emisión foi sobresubscrita en tres horas, con gran diversidade de investidores europeos.
Os títulos emitidos cumpren cos requirimentos necesarios para dispoñer da etiqueta ECBC Covered Bond, distinción que acredita a transparencia de ABANCA á hora de informar da carteira que respalda este tipo de emisións.
Esta emisión contou cos ratings de Moody´s e Standard & Poor´s, Aa2 e AA (pos) respectivamente. O rating de AA, con perspectiva positiva, co que S&P califica as cédulas de ABANCA é a máxima cualificación desta axencia para cédulas hipotecarias españolas tendo en conta o rating soberano actual (A- con perspectiva positiva).