Francisco Botas entrega en Baralla o premio á mellor oficina rural de ABANCA
- O conselleiro delegado de ABANCA visitou outras tres oficinas da provincia de Lugo e conversou co seu persoal sobre a súa actividade diaria, o servizo prestado aos clientes, con especial atención aos maiores, e as prioridades do banco para os próximos meses
- O banco é a primeira entidade financeira da provincia por cobertura de poboación (95,2%) e cota de mercado (39,5%)
- O investimento crediticio total de ABANCA en Lugo é de 1.376 millóns de euros, con novas operacións en 2021 por importe de 273 millóns, dos cales 188 destináronse a empresas e autónomos
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, entregou hoxe á oficina de Baralla o premio ‘Mellor Oficina Rural de ABANCA 2018-2021’. O premio recoñece o labor dunha oficina da que é cliente o 96,49% da poboación do concello e que no pasado ano destacou en aspectos esenciais da calidade de atención e servizo, como son a experiencia de cliente e a satisfacción do cliente co seu xestor persoal.
A entrega deste recoñecemento forma parte dunha xornada de traballo desenvolvida por ABANCA en Lugo como mostra do compromiso do banco cos seus clientes da provincia, na que é a entidade financeira líder tanto por cota de mercado como por número de oficinas.
O conselleiro delegado de ABANCA visitou catro das oficinas que o banco ten na provincia de Lugo: dúas urbanas e de gran dimensión (Oficina Principal e Praza de Santo Domingo, as dúas situadas en Lugo cidade) e outras dúas en concellos rurais de pequeno tamaño (Baralla e O Corgo, nos que ABANCA é a única entidade financeira con actividade).
Na súa visita, Francisco Botas intercambiou impresións co persoal sobre a actividade das oficinas, o servizo diario prestado aos clientes, con especial atención aos clientes maiores, e as prioridades do banco para os próximos meses.
Primeira entidade financeira de Lugo
ABANCA conta en Lugo cunha rede comercial formada por 69 oficinas, o 39,7% do total da provincia, que dan servizo a case 200.000 clientes. O banco está presente en 58 dos seus 67 concellos, o que supón unha cobertura do 83% do total e do 95,2% da poboación. ABANCA é tamén a primeira entidade por cota de mercado, cun 39,5%.
O investimento crediticio total de ABANCA en Lugo é de 1.376 millóns de euros. En 2021 formalizou novas operacións por importe de 273 millóns, dos cales 188 millóns tiveron por destino as empresas e autónomos. O volume de negocio de ABANCA en Lugo sitúase en 6.801 millóns de euros.
A actividade de ABANCA en Lugo ten no financiamento ao medio rural e ao tecido económico do agro dúas das súas grandes prioridades. Ao longo de 2021, as oficinas rurais de ABANCA en Lugo asinaron operacións de financiamento por importe de 192 millóns de euros, o que supuxo un crecemento neto do investimento de 29,8 millóns de euros.
Polo que respecta ao financiamento do segmento agro, o banco formalizou en 2021 operacións por importe de 48 millóns de euros (no bienio 2020-21, a cantidade total ascende a 128,5 millóns). ABANCA é ademais a primeira entidade en domiciliación das axudas da PAC, cunha cota do 44,06%, crecendo 1,18 puntos respecto de 2020.
Actividade da Obra Social
A presenza de ABANCA na provincia de Lugo compleméntase coas accións desenvolvidas pola súa obra social, Afundación. A entidade celebra anualmente unha media de 200 actividades, nas que participan máis de 31.000 persoas. Nos catro últimos anos,AfundaciónSerás redirixido a outro sitio web investiu 2,3 millóns de euros na provincia.
A súa actividade chega a 39 concellos a través de convenios de desenvolvemento cultural/educativo, exposicións (proxecto Corrente Cultural, Ataquilla) e educación en valores (artes plásticas, escénicas, literarias e educación financeira).
Afundación mantén unha importante presenza permanente en Lugo cidade, con espazos que suman unha superficie a disposición da cidadanía de 2.600 m2, pero tamén nos concellos de Viveiro e Monforte (1.300 e 830 m2 respectivamente).
Doutra banda, ABANCA patrocina aos principais clubs deportivos da provincia, como o CD Lugo, o CB Breogán e o CD Burela Fútbol Sala, ademais da outros moitos a través do Programa ABANCA Deporte Base, como o Club Triatlón Cidade de Lugo Fluvial ou o Club Voleibol Emevé. Ademais, apoia a celebración dos dous eventos sociais máis importantes de Lugo, Arde Lucus e San Froilán.