RESULTADOS 3T 2022: ABANCA alcanza 149 millóns de beneficio recorrente, cun incremento do 3,3%
- ABANCA mantense como a entidade financeira española líder en calidade de activos rebaixando a taxa de mora ao 1,9%
- A fortaleza dos ingresos recorrentes do negocio, que crecen un 8,3%, compensa a menor actividade das operacións en mercados
- O cociente Texas do 24,8% e a cobertura de dubidosos do 88,5% acreditan unha elevada capacidade para facer fronte aos retos da contorna
- Sólidos niveis de capitalización, amplamente por encima dos requisitos regulatorios: cociente de capital total do 16,3% e 1.406 millóns de exceso de CET1
- O volume de negocio sitúase nos 107.000 millóns tras crecer en máis de 3.300, un 3,2% interanual
- ABANCA alcanza as 79.000 altas de clientes no que vai de ano
- A estratexia de banca responsable concentrouse no trimestre nas temáticas de responsabilidade social, educación financeira, formación universitaria, fomento do emprendemento e sostibilidade
Descarga los contenidos anexos
ABANCA obtivo nos nove primeiros meses do ano un resultado neto de 148,8 millóns de euros (excluíndo atípicos), cifra que supón un crecemento do 3,3% en termos recorrentes respecto ao mesmo período do ano pasado.
Esta mellora do beneficio veu impulsada pola maior achega do negocio recorrente (marxe de intereses máis ingresos por prestación de servizos), que creceu un 8,3% e supón o 94% da marxe bruta.
A entidade afronta os próximos trimestres, que se desenvolverán nunha contorna macroeconómica de incerteza, desde unha sólida posición financeira. Cunha cobertura de dubidosos do 88,5%, un cociente Texas do 24,8%, unha taxa de morosidade do 1,9% e un 0,3% de adxudicados sobre balance, ABANCA é a primeira entidade do sistema en canto a calidade da carteira e cobertura dos seus activos. Ademais, dispón duns robustos niveis de capitalización (16,3% de capital total e 1.406 millóns de exceso de CET1 sobre requisitos) e unha cómoda posición de liquidez (cociente LTD minorista do 93,6% e 14.228 millóns de euros en activos líquidos).
Os avances logrados en materia de sostibilidade, unha das liñas de traballo centrais do banco, están a ser apoiados polo mercado. ABANCA colocou exitosamente no último trimestre unha emisión verde senior preferred por importe de 500 millóns de euros. A demanda superou en 2,4 veces o importe emitido e acudiron máis de 100 investidores internacionais, o 80% deles do segmento ESG. Con esta emisión a entidade cumpre con folgura os requisitos MREL fixados para este ano.
Xunto á sostibilidade, a estratexia de banca responsable da entidade concentrouse no trimestre nas temáticas de responsabilidade social, educación financeira, formación universitaria e fomento do emprendemento.
Crecemento de ingresos recorrentes
A actividade comercial da entidade está a verse traducida nos primeiros nove meses do ano en sólidos crecementos da marxe de intereses, que se situou nos 538,3 millóns, e dos ingresos por prestación de servizos, que alcanzaron os 210,9 millóns.
A marxe de intereses creceu un 7,8%, impulsado pola positiva evolución da marxe comercial, que aumentou un 12,3%, en ambos os casos interanual. A mellora dos ingresos por servizos, do 9,7%, estendeuse a todas as liñas: 2,4% en servizos bancarios, 17,1% en cobros e pagos, e 6,2% en fóra de balance. Destaca o forte dinamismo mostrado pola comercialización de seguros, que creceu un 11,3%.
A variación dos gastos estivo condicionada pola incorporación ao perímetro de consolidación do negocio adquirido de Novo Banco, así como polo esforzo realizado para potenciar a xeración de negocio a través de novos proxectos e o lanzamento dunha ampla campaña de marketing de alcance nacional. Aínda así, o bo comportamento dos ingresos limitou o impacto sobre a eficiencia.
A elevada calidade do activo permitiu limitar as dotacións de crédito (52,0 millóns de euros a setembro) e reflectiuse no control do custo do risco, que quedou situado no 0,15%. A política de prudencia na xestión tradúcese tamén nunha taxa de morosidade do 1,9% e un cociente de cobertura do 88,5%.
Volume de negocio
ABANCA xestiona un volume de negocio de 107.000 millóns de euros, con 46.044 millóns en préstamos e anticipos á clientela e 60.956 en captación de recursos, tras crecer esa cifra un 3,2% nos últimos doce meses.
A carteira de crédito normal incrementouse nun 3,5%, até os 45.995 millóns de euros. Con senllos pesos do 40% sobre o total, as familias e as empresas son os seus compoñentes maioritarios.
O crecemento dos recursos totais foi do 3,6%. Os depósitos de clientes creceron, tamén en termos interanuais, un 5,0%, até os 49.209 millóns de euros. Outros indicadores que expresan o dinamismo da actividade comercial de ABANCA son os incrementos do número de clientes valor (7,3%), de tarxetas (1,4%) e de TPVs (7,7%).
O fóra de balance creceu un 8,2% (descontando o efecto mercado). Destaca o servizo de xestión discrecional de carteiras, fórmula baixo a que o banco xestiona un volume de máis de 1.200 millóns de euros.
As primas de seguros xerais e de vida risco creceron un 11,3% até situarse nos 369,8 millóns de euros. A maioría das liñas rexistran incrementos de dous díxitos, destacando un 18% en pagos protexidos, un 16% en autos, un 15% en empresas e un 11% en vida risco. Este forte impulso ten a súa raíz na proposta diferencial de valor que o banco ofrece aos seus clientes: atención personalizada, axilidade na resolución de sinistros e produtos propios e innovadores. Entre 2021 e 2022 ABANCA lanzou seguros de creación propia nos ramos de autos, pagos protexidos, fogar, vida e negocios.
Líder en calidade de activos
Un trimestre máis, ABANCA segue situada como a mellor entidade do sistema financeiro español por calidade e cobertura de activos. A cobertura de créditos dubidosos está situada no 88,5%, mentres que a de adxudicados alcanza o 63,1%, co que a cobertura total é do 79,1%. Pola súa banda, o cociente Texas está situado no 24,8%.
A pesar da desfavorable contorna económica, a taxa de morosidade está situada no 1,9% e continúa amplamente por baixo da media do sistema. Os saldos dubidosos reducíronse nun 2,0% nos últimos doce meses (en termos homoxéneos, excluíndo o negocio adquirido de Novo Banco en España). Pola súa banda, o crédito concedido en operacións ICO para apoiar ao tecido produtivo, por importe total de 3.568 millóns de euros, mostra un comportamento comparable ao conxunto da carteira, con só un 2,4% en situación de dubidoso.
Cómoda posición de solvencia e liquidez
O cociente de capital total de ABANCA alcanza o 16,3% (12,4% capital máxima calidade CET1). Grazas a unha estrutura de capital diversificada, a entidade conta con amplos colchóns sobre os requisitos establecidos: 376 p.b. (1.239 millóns de euros) en capital total e 427 p.b. (1.406 millóns de euros) en CET1. Cun cociente do 19,3%, o que supón un incremento de 142 puntos básicos no último trimestre, a entidade cumpre con folgura os requisitos MREL fixados para 2022.
ABANCA dispón así mesmo dunha sólida posición de liquidez baseada en depósitos minoristas, que constitúen, co 71% do total, o principal compoñente da súa estrutura de financiamento. A entidade presenta un cociente de crédito sobre depósitos minoristas (LTD) do 93,6%.
ABANCA dispón de 14.228 millóns de euros en activos líquidos, cifra que equivale a 3,4 veces o total dos seus vencimientos previstos de emisións.
Os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR están situadas, respectivamente, no 127% e o 259%.
Banca responsable
O trimestre trouxo consigo novos fitos no desenvolvemento do Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024 de ABANCA. A entidade centrou a súa actividade do trimestre nas temáticas de educación financeira, formación universitaria, fomento do emprendemento e sostibilidade.
Na primeira delas, deu inicio o Programa de Educación Financeira 2022-2023, que comprende accións de responsabilidade social, capacitación de maiores, formación financeira para mozos e escolares, e fomento do emprendemento. Tamén comezou o primeiro curso de actividade académica da Universidade Intercontinental da Empresa, que ofrece catro graos propios, dous másteres e diferentes títulos e programas de posgrao, Executive Education, educación continua e InCompany.
No ámbito do emprendemento tecnolóxico, no terceiro trimestre arrancou a sétima edición do Programa para Startups de ABANCA Innova, aberto a proxectos fintech, insurtech, regtech e cibersecurity. Ademais, tiveron lugar o fin da quinta edición e as probas de concepto da sexta.
ABANCA desenvolveu en base ao seu Plan Estratéxico de Sostibilidade múltiples iniciativas co compromiso de alcanzar os seus obxectivos. Entre elas destaca a celebración de eventos como a III Xornada de Finanzas Sostibles, foro de debate que reuniu a entidades do sector público e privado, organismos reguladores, e representantes do sector bancario, seguros e investimento. Doutra banda, o espazo Serrano 45, que supón un novo concepto de centro de atención e servizo baseado na tecnoloxía e a sostibilidade, recibiu os certificados LEED (Leadership in Energy and Environmental Design), do U.S. Green Building Council, e Residuo Cero, de AENOR, atendendo ao seu deseño sostible, eficiencia e nivel de reciclaxe de recursos. A campaña de recuperación de redes de pesca para uso deportivo ‘Redes Vivas’ recibiu o galardón ao Compromiso Social Corporativo nos Premios Inspirational 2022 de Interactive Advertising Bureau Spain, así como o recoñecemento, na categoría de prata, á Mellor Demostración de Propósito Social de Marca nos Premios á Eficacia en Comunicación Comercial da Asociación Española de Anunciantes.